02.02.2010 [SEAE] Un estudo titulado “Alimentos máis sustentables: utilización das sementes transxénicas na agricultura ecolóxica”, foi galardoado co Premio "Junta General del Principado de Asturias-Sociedad Internacional de Bioética” (SIBI).

No que saíu á luz, no breve estudo de 100 páxinas chega a conclusións tan determinantes como que a agricultura ecolóxica non é sustentable a longo prazo, debido ao seu baixo rendemento, algo que obrigaría a un incremento cuantitativo de superficie cultivable para facer fronte á crecente demanda de alimentos, segundo a autora. Este é un argumento estrela das multinacionais propietarias dos transxénicos, contradicindo estudos recentes que chegaron a conclusións opostas.

Nun deles conclúese que a agricultura ecolóxica no nivel de desenvolvemento actual, (sen practicamente apoio en investigación), pode alimentar o mundo, sen incrementar a superficie cultivada e sen causar perdida de biodiversidade, contaminación ambiental ou efectos sobre a saúde. É máis, outros estudos máis recentes cuestionan abertamente os mellores rendementos dos cultivos transxénicos, que non se produciron. É máis, hai estudos que indican que non existe proba científica algunha que asegure que os alimentos transxénicos non provocan efectos negativos na saúde humana.

Polo que transcendeu do citado informe, expón razóns supostamente científicas para convencer a políticos e consumidores do que é mellor para eles pero sen contar con eles, a pesar de ser os principais usuarios das innovacións. Así se afirma que non existe razón científica algunha para non usar cultivos transxénicos, cando dispomos de diversos estudos que conclúen exactamente o contrario e, é máis, hai unha organización europea de Rexións Libres de Transxénicos, que propón o contrario e estes están a ser cuestionados por diversos grupos de investigadores, cada vez maior, que aplican o principio científico de precaución.

O estudo tamén afirma que os cultivos ecolóxicos e transxénicos son complementarios, a pesar de ser rexeitado por todas as regulamentacións da agricultura ecolóxica con case 20 anos de antigüidade, que impide o seu uso comercial e que, por tanto, fanos claramente incompatibles. É máis, existen agricultores e persoas afectadas con litixios ante os xuíces. Isto non parece ser obstáculo para que a autora do estudo informe de que as sementes melloradas xeneticamente son perfectamente utilizables para a agricultura ecolóxica. Parece que aqueles que estableceron as regulamentacións de agricultura ecolóxica en todo o mundo e as regras de etiquetaxe aos transxénicos en Europa, actuaron erradamente e que os principios e obxectivos da agricultura ecolóxica plasmados no texto do novo regulamento europeo UE 834/2008, son froito dunha conspiración anticientífica, promovida pola Unión Europea.

O uso de transxénicos é absolutamente incoherente cos principios e obxectivos na produción ecolóxica, que implican a renuncia ao uso herbicidas (que si requiren os transxénicos), e esfórzase en conseguir ciclos pechados de nutrientes, usar variedades adaptadas tradicionais seleccionadas resistentes, e reforzan a capacidade de autorregulación do sistema produtivo e o fomento da biodiversidade.

Os cultivos transxénicos non ofrecen solucións definitivas por exemplo á fame. É nos países de máis transxénicos onde máis aumenta a fame, varios anos despois da súa aparición e cultivo. Ademais esconden innumerables riscos económicos, para a saúde, o ecosistema, a creación de resistencias de pragas e drástica redución da biodiversidade. Finalmente, os consumidores na súa inmensa maioría rexeitan os alimentos xeneticamente modificados, algo que a ciencia debe considerar.

Desde SEAE pídese maior seriedade e rigor científico cando se outorgan este tipo premios, sobre todo si eles dependen de entidades financiadas con fondos públicos, para que estes sexan verdadeiramente independentes e non sirvan para comercializar produtos da empresa privada utilizando argumentos con escaso respaldo científico.

Fonte: agroecologia.net; agroinformacion.com