25.01.2010 [DIAGONALPERIODICO.NET] Desde 2008 non se publican as actas da Comisión Nacional de Bioseguridade que teñen que facer público en que campos do Estado español se cultivan Organismos Modificados Xeneticamente.

Empresas como Pioneer, Bayer ou Monsanto teñen as portas abertas para experimentar, a pesar de que recentemente saíu á luz un estudo, encargado e ocultado pola propia Monsanto, que demostra que esta clase de cultivos pode causar danos na saúde humana.

“Temos constancia de que levan anos facendo experimentos con sementes transxénicas ao aire libre sen que os concellos ou as organizacións sociais teñan coñecemento diso. Desde o Ministerio e a Xunta ocultáronnos información”. Así o declaraba para DIAGONAL Charo Sánchez, agricultora e secretaria de medio ambiente do Sindicato Labrego Galego (SLG) tras descubrir informes de campos de ensaio de millo ao aire libre realizados en 2008 nos concellos de Arteixo ou Santa Uxía. “Algo que desde a Administración negárannos. Foi como un xerro de auga fría”.

A información sobre os cultivos experimentais con organismos xeneticamente modificados (OXM) segue sendo escura e confusa. Os campos de proba ao aire libre son, normalmente, parcelas arrendadas polas multinacionais a agricultores e agricultoras para probar novas variedades transxénicas (millo, pataca, remolacha ou algodón, entre outras). Ensaios que forman parte dos protocolos previos esixidos pola Axencia Europea de Seguridade Alimentaria para autorizar o cultivo comercial de novas variedades de OXM.

Un proceso polo que xa pasou o millo MON810, o único transxénico que se cultiva comercialmente no Estado español de maneira legal, a pesar de levantar bochas na sociedade civil polas súas consecuencias sociais ou ambientais. De feito, o pasado mes de outubro, o Ministerio de Medio Ambiente Rural e Mariño (MARM) recoñecía por primeira vez a existencia de persoas afectadas por contaminación dos seus cultivos con millo transxénico MON810. Un perigo que se multiplica cos campos experimentais de transxénicos, cuxo cultivo comercial está prohibido pola súa falta de garantías, xa que nin sequera pasaron por un trámite previo que avalíe a súa seguridade.

A competencia no Estado español para autorizar estas probas a campo aberto é do MARM. Nas solicitudes das empresas recóllense uns protocolos de seguridade como a eliminación da mostra. “Tras finalizar a colleita, as plantas destruiranse por un medio adecuado, xeralmente por trituración ou enterramento”, expón Monsanto nun dos seus pregos para plantar millo Nk603. A representante do SLG, Charo Sánchez, é tallante: “A iso non se lle pode chamar eliminación de residuos. Esa contaminación queda no chan. O Ministerio sabe que por todo o territorio hai parcelas e parcelas con organismos transxénicos enterrados. Ademais, os principios de precaución non garanten absolutamente nada. Sabemos por estudos que 200 metros de distancia con outros cultivos non é unha barreira real de seguridade. Estes protocolos de ensaios e de residuos son os que as propias empresas propoñen, non o Ministerio”.

De xeito evidente a seguridade parece escasa. “Vimos lugares, como Fraga, onde o principio de precaución non se levou a cabo. Simplemente pasaron cunha máquina para arrincar os restos do cultivo. Quedaban unha chea de mazarocas polo chan”, apunta Rosa Binimelis da plataforma catalá Transgènic Fora.

Para Andoni García, responsable de Seguridade Alimentaria e Medio Ambiente do sindicato agrario COAG, non hai seguridade en canto hai unha experimentación a campo aberto. “Coa investigación que se fixo non se está garantido que non existan consecuencias nocivas. Posiblemente haxa contaminación de experimentais con outros cultivos, pero como só se analiza o ecolóxico é difícil sabelo”.

Ademais da inseguridade, o segredo acompaña este tipo de ensaios. “Comprobamos que cando se fan cultivos experimentais non se avisa nin á poboación nin aos veciños”, declara a representante de Transgènic Fora.
O certo é que a autoridade competente, o MARM, non está obrigada a avisar ás localidades onde se realiza a proba. “A última palabra sempre a ten o Ministerio; as Autonomías están supeditadas, aínda que tamén poden ter un posicionamento claro e negarse”, resume Charo Sánchez.

De feito é imposible saber que campos se concederon ou non e que experimentos están a levarse a cabo, xa que esa información debería saír publicada nas actas da Comisión Nacional de Bioseguridade (CNB), documentos que non ven a luz desde 2008.

Segundo as últimas solicitudes publicadas polo Ministerio, entre 2009 e 2011, até 100 localidades de todo o estado Español se converteron temporalmente (de 6 a 12 meses) en laboratorios a campo aberto da agroindustria. Pioneer, Monsanto ou Bayer, entre outras, repártense autonomías para os seus ensaios. “O concello de Lalín tentou localizar a situación exacta dos campos no seu territorio”, revela Sánchez. “Chegou até a contactar con Monsanto, que era quen tiña solicitados os campos. Tamén o tentou Chantada, pero ambos fracasaron. É moi preocupante que mesmo á propia Administración local lle neguen datos. Esta situación é unha mostra da gran complicidade entre as multinacionais e os gobernos”, engade.

“É moi complexo. Hai moitos baleiros legais polos que formalmente non se fai nada irregular pero que xeran situacións complicadas”, afirma Sira Rego, concelleira de Medio Ambiente de Rivas Vaciamadrid. Esta localidade conseguiu paralizar unha solicitude de experimentación con millo no seu territorio. “Non nos comunicaron nada porque en principio dixéronnos que non tiñan por que facelo”. Para Sánchez, a situación é vergoñosa. “É un tema social que está a afectar a toda a cidadanía. Debe ser debatido e explicado”, conclúe.

SÓ AGASALLOS?
Agasallos, comidas ou mostras gratuítas de sementes son algunhas das estratexias que a agroindustria desprega para atraer a agricultores e agricultoras. A revista da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA) relata como en setembro de 2009 unha delegación do sindicato percorría Estados Unidos convidada por Monsanto. O obxectivo desta viaxe, segundo a UPA, foi “visitar varios centros de investigación agraria, así como explotacións dedicadas ao cultivo do millo, a soia e a remolacha”. Durante unha semana esta delegación percorreu leiras de experimentación de cultivos e reuniuse con distintos expertos de Monsanto en materia de auga ou mellora xenética. Como colofón e sempre usando a expresión “agricultura familiar”, visitaron dúas explotacións de remolacha tolerante a herbicidas. “UPA valora moi positivamente esta viaxe”.

SEGREDO E RISCOS DOS ORGANISMOS XENETICAMENTE MODIFICADOS (OXM)
A Comisión Nacional de Bioseguridade
A Comisión Nacional de Bioseguridade, dependente do Ministerio, é a encargada de elaborar os informes que dan o visto e prace aos experimentos con transxénicos. Está composta por 46 membros, dos cales tan só sete son representantes científicos. Os seus membros están próximos á agroindustria.

Algodón
A solicitude de Bayer para experimentar con algodón tolerante a herbicida roza a inseguridade: “Debido ás medidas tomadas no ensaio e a que non existen especies silvestres emparentadas co algodón en Europa, consideramos que non pode producirse transferencia de xenes a outras especies nin ao algodón convencional”.

Millo
As "boas intencións" acompañan a Monsanto e o seu millo NK603 x MON810. “Demostrouse que este millo é tan seguro e tan nutritivo como calquera outro. Espérase que a súa produción impacte positivamente nas prácticas agronómicas actuais e que beneficie aos agricultores e ao medio ambiente”.

Remolacha
A seguridade tamén está presente na solicitude de KWS Sementes Ibérica. “O uso de remolacha tolerante a glifosato pode permitir unha produción de remolacha máis competitiva e sustentable, cun control de malezas eficaz e aproveitando as favorables características de seguridade de Roundup”.

Mapa Transxénicos

Fonte: diagonalperiodico.net